Considéranse elementos nativos os minerais constituídos por átomos dun só elemento químico que se atopa na natureza en estado nativo; é dicir, en estado de oxidación cero, incluído o mercurio e algunhas aliaxes metálicas naturais, estas últimas moi raras.
De acordo coa súa natureza química, diferéncianse tres subgrupos que presentan características distintas:

  1. Elementos metálicos (Au, Ag, Cu, etc.)
  2. Elementos semimetálicos ou metaloides (As, Sb, Te, Bi)
  3. Elementos non-metálicos (C, S, Se)

O grupo de elementos nativos caracterízase por unha escasa diversidade mineralóxica debido a que soamente uns vinte elementos se atopan na natureza en estado nativo, agás os gases libres da atmosfera. A súa abundancia é insignificante (representan menos de 0,15 % da masa da codia terrestre) e algúns, como o diamante e o ouro, acadan un gran valor económico pola súa rareza e propiedades.

Nome: Bismuto (Bi)
Sistema: trigonal
Hábito: masivo, foliado.
Cor: branco prateado, vermello ou branco rosado
Brillo: metálico
Transparencia: opaco
Raia: gris chumbo
Dureza: 2,5
Xénese: filóns hidrotermais de media temperatura, post-magmático. Ademais de nativo, o Bi aparece tamén en forma de sulfuros (bismutinita, Bi2S3) ou como impurezas nos óxidos de W.
Uso: desde finais do século XX emprégase como substituto do Pb por motivos medioambientais e de saúde. Tamén para fusibles eléctricos, en produtos cosméticos, pigmentos e farmacéuticos.
Método de concentración mineralúrxica: o Bi en forma de sulfuro ou telururo sepárase da ganga por flotación. Cando está asociado a óxidos de W, primeiro sepáranse os óxidos da ganga por concentración gravimétrica e, despois, o Bi extráese do volframato por procesos metalúrxicos de lixiviación.

Nome: Ouro (Au)
Sistema: cúbico
Hábito: raramente en octaedros, dodecaedros ou cubos. Arborescente, en escamas ou filiforme. Tamén en pebidas.
Cor: amarela ouro
Brillo: metálico
Transparencia: opaco
Raia: amarela brillante
Dureza: 2,5
Xénese: xacementos hidrotermais e metamórficos e depósitos sedimentarios de tipo pracer (pebidas de ouro).
Uso: principal minerario do metal. Aínda é un padrón monetario internacional. Os seus usos esténdense á enxeñaría aeroespacial, telefonía móbil, electrónica, fabricación de moeda, xoiaría e na fabricación dalgúns instrumentos musicais especiais.
Método de concentración mineralúrxica: o Au nativo, despois da fragmentación da rocha, sepárase da ganga por métodos gravimétricos, aproveitando a elevada densidade que posúe. En xacementos sedimentarios de tipo pracer non fai falta fragmentar a rocha e procédese directamente á clasificar e separar gravimetricamente.

Nome: Prata (Ag)
Sistema: cúbico
Hábito: raramente cristalizada. Agregados filamentosos, placas ou escamas.
Cor: branca prata
Brillo: metálico
Transparencia: opaco
Raia: branca prata
Dureza: 2,5 – 3
Xénese: xacementos hidrotermais.
Uso: principal minerario do metal. Emprégase en fotografía, xoiaría, medicina, electrónica e na fabricación de moedas.
Outras características: ductilidade e maleabilidade, pátina negra en superficie. Habitualmente forma grupos ramalludos, arborescentes e filamentosos, en placas e escamas ou tamén masivo, enchendo fracturas e filóns.

Nome: Cobre (Cu)
Sistema: cúbico
Hábito: aplanado, arborescente ou irregular.
Cor: vermella cobre
Brillo: metálico
Transparencia: opaco
Raia: vermella cobre
Dureza: 2,5 – 3
Xénese: os depósitos primarios están asociados a lavas ultrabásicas e xacementos hidrotermais.
Uso: emprégase na fabricación de cabos eléctricos, en compoñentes de vehículos, telefonía móbil, instrumentos musicais de vento e moedas. Para aliaxes con Zn (latón) e Sn (bronce).
Outras características: gran peso específico e maleabilidade. Gran condutividade térmica e eléctrica.

Nome: Xofre (S8)
Sistema: ortorrómbico
Hábito: cristais piramidais ou bipiramidais, normalmente irregular.
Cor: amarela clara a verdosa
Brillo: non metálico, resinoso
Transparencia: translúcido
Raia: amarela clara
Dureza: 1,5 – 2,5 (brando)
Xénese: principalmente por depósito a partir dos gases emanados nas fumarolas de cráteres volcánicos activos ou extinguidos onde se depositou previamente. Outras veces en filóns derivados da oxidación de sulfuros metálicos.
Uso: emprégase na fabricación de ácido sulfúrico (H2SO4) e sulfhídrico (H2S), insecticidas, fertilizantes artificiais, pólvora e na vulcanización do caucho. Os compostos de xofre utilízanse na manufactura de xabóns, téxtiles, curtidos, papel, pinturas, pigmentos e no refinado do petróleo.
Método de concentración mineralúrxica: flotación directa.