Nos carbonatos, a unidade estrutural esencial é o ión [CO3]2-, que se combina con catións de ferro (Fe2+), magnesio (Mg2+), calcio (Ca2+), chumbo (Pb2+), bario (Ba2+) e cobre (Cu+2).

A maioría dos carbonatos son incoloros ou de cores claras: brancos, amarelos, grises, alaranxados, agás os de ferro que adquiren cores apardazados. Polo xeral presentan brillo vítreo e dureza media, que oscila entre 3 e 5 na escala de Mohs. Son pouco solubles en auga (excepto os carbonatos dos metais alcalinos: K, Na) pero disólvense en ácido clorhídrico.

Os nitratos son os sales do ácido nítrico (HNO3). Son minerais raros e coñécense deles poucas especies. Os máis comúns son os de sodio (Na+) e os de potasio (K+), pero tamén se atoparon de calcio (Ca+2), magnesio (Mg+2), bario (Ba+2) e cobre (Cu+).

Os minerais nitratos son estruturalmente semellantes aos carbonatos. A nitratina (NaNO3) e a calcita (CaCO3) son isoestruturais (teñen a mesma estrutura e diferente composición química), así como o nitro (KNO3) e a aragonita (CaCO3). O enlace N-O dos nitratos é máis forte có enlace C-O dos carbonatos, polo que os nitratos se descompoñen cos ácidos con maior dificultade cos carbonatos. Os nitratos son, na súa meirande parte, solubles en auga. Por quecemento sobre carbón desprenden oxíxeno, que aviva as combustións.

Os nitratos son escasos na natureza e aparecen formando depósitos salinos en zonas cálidas e secas. Estes depósitos fórmanse coa intervención de bacterias ou en procesos atmosféricos como descargas eléctricas que transforman o nitróxeno do aire en ácido nítrico. Tamén se poden atopar nitratos nos depósitos evaporíticos formados ao secar certos lagos.

Nome: Aragonita (CaCO3)
Sistema: ortorrómbico
Hábito: columnar, tabular ou acicular.
Cor: normalmente branca, dependendo das impurezas
Brillo: non metálico
Transparencia: translúcido
Raia: branca
Dureza: 3,5 – 4
Xénese: orixe sedimentaria por precipitación.
Uso: ornamental.
Outras características: polimorfo coa calcita.

Nome: Azurita con malaquita e cuarzo (Cu2(CO3) 2 (OH)2)
Sistema: monoclínico
Hábito: prismático, tabular.
Cor: azul
Brillo: non metálico, vítreo
Transparencia: opaco
Raia: azul clara
Dureza: 3,5 – 4
Xénese: a azurita ten a mesma orixe e paraxénese ca malaquita.
Uso: minerario de cobre.
Outras características: obsérvase con frecuencia a pseudomorfose de malaquita en azurita.
Método de concentración mineralúrxica: pódese separar de determinadas gangas mediante flotación (tras a activación química).

Nome: Borax (Na2B4O5(OH)4·8H2O)
Sistema: monoclínico
Hábito: masivo.
Cor: incolora, gris, branca
Brillo: non metálico, graso
Transparencia: translúcido a opaco
Raia: branca
Dureza: 2 – 2,5
Xénese: o bórax é o borato máis estendido. Fórmase por evaporación dos lagos salgados e como eflorescencia nas superficies do chan das rexións áridas.
Uso: minerario de boro. Emprégase en deterxentes, pesticidas, na fabricación de ácido bórico, para esmaltes na industria cerámica e como fundente en soldadura.
Outras características: facilmente soluble en auga.
Método de concentración mineralúrxica: trátase dun mineral de orixe evaporítica, polo que se obtén a través de procesos de precipitación desde salmoiras.

Nome: Calcita (CaCO2)
Sistema: romboédrico
Hábito: escalenoedros, romboedros, formas fibrosas, columnares ou estalactíticas.
Cor: normalmente branca, depende das impurezas
Brillo: non metálico
Transparencia: translúcido
Raia: branca
Dureza: 3
Xénese: orixe sedimentaria por precipitación.
Uso: fabricación de cemento, morteiros e cal, vidro e papel. É un excipiente moi común en medicamentos, e tamén principio activo nalgún deles. Úsase tamén en produtos sanitarios (cremas dentais) e cosméticos.
Outras características: polimorfo con aragonita.
Método de concentración mineralúrxica: pódese separar de determinadas gangas mediante flotación ou tamén, aplicando métodos electrostáticos se está acompañada de gangas conductoras.

Nome: Cerusita (PbCO3)
Sistema: ortorrómbico
Hábito: tabular,.
Cor: variable, branca, gris, azul ou verde
Brillo: non metálico, diamantino
Transparencia: transparente a subtranslúcido
Raia: branca
Dureza: 3 – 3,5
Xénese: aparece asociada aos minerais primarios galena e blenda, e diversos minerais secundarios, tales como a anglesita, piromorfita, smithsonita e limonita.
Uso: importante minerario de chumbo.
Método de concentración mineralúrxica: sepárase mediante flotación pero sempre activándoa previamente para recubrila dunha finísima capa de S e facela así máis flotable.

Nome: Dolomita (CaMg(CO3)2)
Sistema: trigonal
Hábito: cristais tabulares con caras curvas.
Cor: branca, rosada ou grisácea
Brillo: non metálico, perlado
Transparencia: translúcido
Raia: branca
Dureza: 3,5 – 4
Xénese: orixe secundaria, formada a partir da calcita, substituíndo parte do Ca por Mg.
Uso: como materia prima para materiais de construción (cemento, morteiros) e ornamentais.
Método de concentración mineralúrxica: pódese separar de determinadas gangas mediante flotación ou tamén, aplicando métodos electrostáticos se está acompañada de gangas conductoras.

Nome: Magnesita (MgCO3)
Sistema: trigonal
Hábito: romboédrico ou en prismas hexagonais, normalmente masivo.
Cor: branca
Brillo: non metálico, perlado
Transparencia: translucido
Raia: branca
Dureza: 4 – 4,5
Xénese: a magnesita atópase correntemente en filóns derivados da alteración de rocas ígneas e metamórficas ricas en magnesio.
Uso: minerario de magnesio. Emprégase na fabricación de materiais refractarios, suplementos alimenticios, na agricultura e no tratamento de augas.
Método de concentración mineralúrxica: pódese separar de determinadas gangas mediante flotación ou tamén aplicando métodos electrostáticos si está acompañada de gangas conductoras.

Nome: Malaquita (Cu2CO3(OH)2)
Sistema: monoclínico
Hábito: botroidal, tamén acicular.
Cor: verde
Brillo: non metálico, vítreo
Transparencia: opaco
Raia: verde clara
Dureza: 3,5 – 4
Xénese: zonas de oxidación dos filóns de cobre, asociadas á azurita, cuprita, cobre nativo e óxidos férricos.
Uso: minerario de cobre.
Método de concentración mineralúrxica: pódese separar de determinadas gangas mediante flotación (tras a activación química).

Nome: Siderita (FeCO3)
Sistema: trigonal
Hábito: cristais romboédricos con caras curvadas.
Cor: variable de parda escura a amarela
Brillo: non metálico, vítreo
Transparencia: translúcido a subtranslúcido
Raia: branca
Dureza: 3,5 – 4
Xénese: aparece asociada a filóns metálicos de chumbo, prata e cobre. Pode aparecer por metasomatismo.
Uso: minerario de ferro.
Método de concentración mineralúrxica: a siderita sepárase das gangas non metálicas mediante métodos magnéticos (campos de media e alta intensidade magnética, 1-1,8 T) ou flotación (neste caso, mediante flotación inversa, é dicir, recuperando a siderita no afondado). O tratamento térmico a 650º C pode mellorar o rendemento.