Os haluros son minerais compostos por ións halóxenos electronegativos, principalmente cloro (Cl-) e flúor (F-), aínda que tamén bromo (Br-) ou iodo (I-), con ións de elementos metálicos alcalinos e alcalinotérreos (Na+, K+, Ca2+, Mg2+).

Estes minerais caracterízanse por ser alocromáticos. É dicir, son minerais incoloros en estado puro e adquiren coloración cando na súa rede cristalina se introducen certos elementos alleos á súa fórmula química.

Posúen brillo vítreo débil, dureza relativamente baixa e baixa densidade. Presentan elevada solubilidade en auga (a fluorita é unha excepción).

Cabe mencionar a importancia industrial de moitos destes minerais como materias primas de grande importancia en diversas industrias.
Adoitan formarse en ambientes sedimentarios e atópanse grandes depósitos de orixe evaporítica formados por cloruros de sodio, potasio e magnesio, acompañados por sulfatos, boratos e outros minerais hidrosolubles. Tamén é posible atopar nestes xacementos pequenas cantidades de bromo e de iodo.

Nome: Atacamita (Cu2Cl(OH)3)
Sistema: ortorrómbico
Hábito: fibroso ou granular con cristais prismáticos esveltos.
Cor: verde brillante
Brillo: non metálico, diamantino
Transparencia: translúcido
Raia: verde
Dureza: 3 – 3,5
Xénese: fórmase por oxidación doutros minerais de cobre primarios en climas áridos.
Uso: minerario secundario de Cu obtido mediante procesos de hidrometalurxia.
Outras características: é un mineral pouco común.

Nome: Fluorita (CaF2)
Sistema: cúbico
Hábito: cúbico, octaédrico, dodecaédrico.
Cor: alocromática (diferentes cores en función dos cromóforos)
Brillo: non metálico, vítreo
Transparencia: translúcido
Raia: branca
Dureza: 4
Xénese: filóns hidrotermais e pegmatitas.
Uso: na industria metalúrxica como fundente, en vidros, cerámicas e esmaltes e, principalmente, para a fabricación de ácido fluorhídrico, medicamentos e produtos sanitarios.
Outras características: presenta termoluminiscencia e fluorescencia.
Método de concentración mineralúrxica: a fluorita é o único haluro que se separa da ganga por flotación.

Nome: Halita (NaCl)
Sistema: cúbico
Hábito: en cubos ou masivo.
Cor: branca
Brillo: non metálico, vítreo
Transparencia: translúcido
Raia: branca
Dureza: 2,5
Xénese: xacementos evaporíticos.
Uso: minerario de cloro e sodio na industria química. Como condimento, conservador de alimentos, curtido de peles, fertilizante, alimento de gando, herbicida e fundente do xeo en estradas.
Outras características: material higroscópico, de sabor salgado.
Método de concentración mineralúrxica: trátase dun mineral de orixe evaporítica, polo que se obtén a través de procesos de precipitación desde salmoiras ou por hidromineralurxia.