Premio internacional Giovanni Barla ao mellor artigo de 2023 para dous investigadores da UVigo

Os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo, Leandro Alejano e Ignacio Pérez Rey, docentes da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, acaban de ser galardoados co Premi Giovanni Barla ao mellor artigo de 2023 publicado na revista Rock Mechanics and Rock Engineering, unha das publicacións internacionais de maior prestixio dentro do eido da mecánica de rochas. O galardón recoñece a elevada calidade do artigo A New Insight into the Stability of Precariously Balanced Rocks, do que son coautores, xunto con Mauro Muñiz, do Laboratorio de Xeotecnia do Cedex, en Madrid, e tres investigadores da Universidade de Tecnoloxía e Economía de Budapest, en Hungría, entres eles o profesor Gabor Domokos, un dos principais expertos mundiais no estudo e resolución de problemas de equilibrio de corpos complexos.

O artigo recolle os resultados dunha investigación realizada en colaboración entre estas tres institucións que afonda no estudo de estruturas xeolóxicas singulares como son os bolos graníticos inestables, entre eles a coñecida Pena do Equilibrio, en Ponteareas, unha liña de traballo na que o grupo de Xestión sostible e segura dos recursos minerais da Universidade de Vigo, do que forman parte Alejano e Pérez Rey, leva anos traballando. De feito, neste tema centrárase xa a tese de doutoramento de Ignacio Pérez Rey, defendida en 2019 na UVigo e dirixida polo profesor Leandro Alejano, á que a Sociedade Española de Mecánica de Rochas lle outorgara no 2020 unha mención honorífica.

Ler a noticia completa no DUVI